Os ianquis tamén se equivocan
4 (80%) 2 votos

As películas de Hollywood sempre foron o escaparate do Imperio, reflectindo unha realidade perfecta e idealizada, non só da sociedade, senón tamén do seu poder, político e militar. Ese poder vendéronnolo como implacábel e duro, pero tamén xusto, a pesar dos abondosos exemplos criminais que todos e todas temos en mente. E dentro desa imaxe idílica de América, evidentemente, non cabe o erro e a equivocación, iso é algo propio dos demais pobos, o pobo elixido non é chapuceiro, nunca se equivoca nas súas decisións e en todo canto fai.

Iso é o que debeu pensar tamén o bo de Warren Beatty o pasado domingo na entrega dos Oscar de Hollywood. A pesar de ser consciente de que a tarxeta que estaba a ler non era a que correspondía, continuou para adiante como se nada, no canto de avisar do erro, pensando, seguramente, que iso xa se arranxaría como en toda comedia romántica que se prece.

Sen embargo, o erro evidenciou que os ianquis tamén se equivocan. Deixou ver que o rei está espido, a pesar dos adornos con que Hollywood se empeña en vestilo.  E se de erros hai que falar, o do pasado domingo é pecata minuta comparado con deixar sen Oscar a directores da talla de Alfred Hitchcock ou actores como Kirk Douglas, reiteradamente nominados, pero nunca premiados polo seu traballo, tendo que conformarse cun honorífico, que seguro que non recompensa a arte que despregaron ambos durante a súa carreira.