En Marea confúndese de amigos

En Marea confúndese de amigos
5 (100%) 3 votos

Marta Rivera de la Cruz

No mes de marzo pasado Pedro Sánchez presentouse á investidura para ser presidente do goberno. Ser ou non ser presidente dependía do apoio de Podemos e En Marea, que votaron en contra do candidato do PSOE, porque este estaba apoiado por Ciudadanos.

Sen embargo, onte En Marea non tivo reparos en apoiar á galegófoba de Ciudadanos, Marta Rivera de la Curz, para a presidencia da Comisión de Cultura do Congreso.  A cambio deste apoio, En Marea conseguiu a secretaría primeira da comisión que ocupa Miguel Anxo Fernán Vello, e que lle suporán a este deputado de En Marea unha retribución económica mensual de 1.395,30 € (697,65 por ser portavoz adxunto da comisión e outros tantos por ser secretario), a parte do seu soldo de deputado, 2.813,87 €.

O certo é que non se entende moi ben que en marzo votaran non a Pedro Sánchez, evitando a segunda oportunidade de Rajoy para ser presidente (e se cadra unha terceira), e onte apoiaran a Marta Rivera de la Cruz, unha persoa cuxas declaracións en contra do galego son de sobra coñecidas, así como como o cuestionamento da violencia machista contra as mulleres e outras perlas polo estilo, que deixa en moi mal a unha formación política se presenta como o paradigma da ética e da virtude políticas.

É evidente que En Marea confúndese de amigos ao apoiar a unha persoa deste calibre. Agardemos que o 25S as galegas e galegos non se confundan de papeleta.

Máis

A calculada ambigüidade de Luís Villares e En Marea

A calculada ambigüidade de Luís Villares e En Marea
4.33 (86.67%) 6 votos

O candidato in pectore de En Marea, Luís Villares, afirma apostar por que se recoñeza a Galiza como nación, mais, -engade-, iso non significa que a curto prazo queira superar o marco xurídico e político, porque, segundo el, o Estatuto de Autonomía que data de 1981 non está agotado, simplemente estamos mal gobernados. A matización é moi oportuna para non espantar aos posíbeis votantes “desencantados” de PP e PSOE que tamén quere captar este novo partido político atrápao todo, empeñado en atraer votos desde nacionalismo de esquerdas (BNG) e até no españolismo (PP, PSOE e Podemos).

A priori pode ser contraditorio captar votos desde posicionamentos tan afastados ideoloxicamente, mais no curto prazo efectivamente pode resultar. O problema non é que Feijóo e o seu goberno traballen en contra dos intereses do pobo galego, o problema é que aínda tendo un goberno da Xunta que traballe polo noso ben colectivo, o Estatuto de Autonomía de 1981 non resolverá os nosos problemas concretos porque non temos Soberanía. Un exemplo: non hai moitas semanas o Parlamento Galego aprobou por unanimidade a transferencia da AP-9 a Galiza; na práctica isto non valeu para nada porque Madrid dixo que non.

Como dixen, a calculada ambigüidade de Luís Villares e En Marea pode ter éxito, mais terá as patas moi cortas; a práctica política desenvolvida polos partidos políticos en xeral, pero en particular polo BNG, ao longo destes 35 anos na Xunta e no Parlamento Galego, demostra que Galiza ten que dar un salto cualitativo no seu status político, en primeiro lugar polo noso benestar e futuro colectivo, mais tamén para non ficar atrás e estancados logo dos pasos importantes que está dando Catalunya e non tardará moito Euskal Herría e percorrer o mesmo camiño. En Marea pode quedarse co Estatuto de 1981, a min non me vale, quero que Galiza teña futuro.

Máis

Touradas en Pontevedra: O PP autorízaas, pero a culpa é do BNG

Touradas en Pontevedra: O PP autorízaas, pero a culpa é do BNG
4.08 (81.54%) 13 votos

feijoo-touradasComparto o rexeitamento que producen as touradas entre cada vez máis persoas, así como colectivos e organizacións de todo tipo. As touradas son unha tortura e unha aberración, e podemos darlle as voltas que se queira, pero non son cultura, como afirman algúns. Tanto é así, que en 2010 Catalunya prohibiu a celebración deste tipo de espectáculos logo da aprobación no Parlament dunha iniciativa lexislativa popular, a primeira iniciativa deste tipo que se aproba no Estado español.

Sen embargo, guste ou non guste, e até que lei dite o contrario, as touradas en Galiza son un “espectáculo público” e como tal a súa celebración está condicionada a unha autorización da Xunta que goberna o Partido Popular de Feijóo. Neste sentido, o papel que xogan ou poden xogar os concellos para evitar este tipo de espectáculos é cero, a non ser que a praza de touros sexa de titularidade municipal, cousa que non pasa en Pontevedra, por exemplo, que pertence a unha empresa privada.

Sen embargo, é curioso, que a pesar de que as touradas están autorizadas polo Partido Popular que goberna a Xunta de Galiza, todos os dardos e todas as críticas lévaas o goberno municipal de Pontevedra en mans do BNG, que non ten da súa man evitar a celebración deste tipo de espectáculos. Neste sentido, chama a atención que o colectivo “Touradas Fóra de Pontevedra” convoque unha manifestación baixo lema “Nin convenio nin touradas“, eximindo de toda responsabilidade á Xunta de Galiza de Feijóo, centrando toda a responsabilidade no concello de Pontevedra por ter subscrito un convenio coa empresa propietaria da praza de touros para a celebración de determinados eventos organizados polo concello ao longo de todo o ano, excluíndo expresamente as touradas.

Un destes eventos é exhibición da Feira Franca de Pontevedra, que acolle a miles de persoas nun espectáculo que se pode presenciar de xeito gratuíto. Segundo “Touradas Fóra de Pontevedra” pódense buscar alternativas, segundo a Marea de Pontevedra pódese alugar unha praza de touros portátil, que nin ten o aforo nin a seguridade da de Pontevedra, pero polo que se ve é menos pro-taurina que o convenio. Ambos, sen embargo, acusan ao goberno do BNG de financiar as touradas, o cal é absolutamente falso, xa que desde que goberna o BNG a cidade do Lérez as touradas non están subvencionadas con cartos públicos, nin directa nin indirectamente comprando entradas como ocorría antes co PP.

Concellos anti-taurinos: un brindis ao sol

Outra das cuestións que se lle botan en cara ao goberno do BNG de Pontevedra é que non declare libre de touradas a cidade de Pontevedra, como se con esa declaración se puidese evitar a aberracións das touradas nesta cidade. Como dixen, a competencia de autorizar ou non as touradas é da Xunta de Galiza, polo que unha declaración deste tipo é un brindis ao sol que non soluciona o importante: prohibir os touros. Sirva como exemplo o caso de Barcelona, que declarouse en 2004 cidade libre de touradas, e sen embargo, iso non impediu que en 2011 se celebrase a última tourada da Monumental, precisamente antes da entrada en vigor da ILP aprobada polo Parlament de Catalunya.

A culpa (non) é do BNG

Como dixen, se hai touradas en Pontevedra non é por culpa do BNG, senón da Xunta de Galiza que lle dá a autorización correspondente, pero tamén polas miles de persoas que acoden aos “festexos”. Cambiar a mentalidade destas miles de persoas é tarefa complicada, evidentemente, que a Xunta de Galiza non autorice as touradas é máis doado; en Catalunya fixérono, en Galiza tamén é posíbel, só necesitamos un goberno sensíbel cos dereitos dos animais e cos galegos e galegas que demanda o fin das touradas en Galiza, non só en Pontevedra, ou que determinados colectivos se poñan de acordo e inicien a recollida de sinaturas para unha ILP semellante á catalá.

Como dixen ao principio, comparto o rexeitamento que producen as touradas. O que non comparto é que se utilicen como arma política contra o goberno do BNG de Pontevedra que hai moitos anos que se posicionou en contra deste tipo de tortura animal, e que non ten responsabilidade algunha na celebración das touradas nesta cidade, nin por activa nin por pasiva.

“Touradas Fóra de Pontevedra” saberá porque lle dá esta orientación á manifestación deste ano, pero comigo que non conten!

Máis

Eleccións Xerais: non hai dúas sen tres

Eleccións Xerais: non hai dúas sen tres
5 (100%) 2 votos

4mariachis

O adianto técnico das eleccións Vascas ao 25 de setembro, data á que se sumou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, é o síntoma de que o panorama político a nivel estatal non só está lonxe de aclararse, senón que camiñamos inexorabelmente cara unhas terceiras eleccións Xerais.

Os resultados son os que son, e a pesar de que hai dous partidos novos de ámbito estatal, Podemos e Ciudadanos, o que a priori podería favorecer a gobernabilidade, o acordo entre algunha das castro patas nas que se asenta a españolidade é practicamente imposíbel, e só a combinación de PSOE, Podemos e Ciudadanos pode acabar dando un goberno central. Da ecuación quedan fóra os partidos nacionalistas que nalgún intre dos últimos trinta e tantos anos da “democracia” favoreceron a PSOE ou PP para formar goberno, vén porque matematicamente non dá ou ven porque co apoio dalgún destes, descólgase Ciudadanos.

Xa o di o refrán, non hai dous sen tres. Agora mesmo é imposíbel un novo goberno, e menos co outono xudicial que lle agarda ao PP. Só un evento de extraordinaria envergadura pode inclinar a balanza.

Máis